Tuesday 21 de May de 2024

O Centro Municipal de Formación redobra a aposta pola preparación de soldadores/as con equipos pioneiros en Galicia


En novembro arrincará un novo curso de soldadura con electrodo revestido e TIG con 15 prazas

O Centro Municipal de Formación, dependente da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego, volve a apostar pola formación dos mellores profesionais en soldadura. As instalacións do Fórum Carballo son un exemplo a nivel galego. Ademais de ser o primeiro centro galego en utilizar simuladores con realidade aumentada, tamén fomos pioneiros ao incorporar un innovador equipo de soldadura que funciona con auga destilada, o que nos permite ofrecer unha formación de calidade e dun xeito máis seguro, máis respectuoso co medio ambiente e cos últimos avances tecnolóxicos.

Para o curso 2022-23 temos aprobados dúas accións formativas de soldadura. A primeira, de soldadura con electrodo revestido e TIG, arrincará o 17 de novembro. Nestes momentos temos en marcha o proceso de selección de alumnado. Hai 15 prazas. As solicitudes de participación poden realizarse presencialmente ou a través da Intranet do Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas aspirantes deben ter titulación en ESO, FP de grao medio ou competencias clave en castelán, galego e matemáticas.

O curso de soldadura con electrodo revestido e TIG constará de 758 horas de formación, incluídos un módulo de prevención de riscos laborais e os módulos transversais sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero. As persoas interesadas poden informarse no Fórum Carballo, ben nas oficinas municipais situadas no segundo andar ou ben na oficina de emprego da planta baixa.